Cisco presenta dúas innovadoras e manexables videocámaras de alta definición
xoves, 24 de marzo do 2011
A multinacional Cisco vén de presentar en España uns
aparellos de gravación especialmente axeitados para quen desexe cumprir cos
seguintes requirimentos no seu día a día de lecer electrónico: comodidade,
deseño e calidade de imaxe. Segundo a compañía, as novas cámaras de Cisco son as que na actualidade achegan a gravación
de vídeo máis nidia e estable de todo o mercado. Falamos das videocámaras Flip, nas súas
modalidades Flip UltraHD e FlipMinoHD, ámbolos dous aparellos incluíndo un
amplo abano de opcións para compartir imaxes e vídeos grazas ao software
preinstalado FlipShare.
As cámaras, que
recollen tamén a experiencia de Flip Video, están equipadas con estabilización
de imaxe e unha resolución de 720 píxeles
a 50 fotogramas por segundo achegándolles aos consumidores a posibilidade
de tirar partido de vídeos de alta definición (HD) con independencia da opción
elixida para velos ou compartilos: nun computador, na televisión en HD ou a través
de cargas directas nas redes sociais. “Amais
das ditas prestacións de calidade e estabilización”, informa Cisco, “Flip UltraHD achega un deseño máis
estilizado polo que colle de xeito doado en calquera peto ou bolso, sendo unha
videocámara máis delgada cá súa predecesora, até nun 25%, e poñendo en xogo
unha duración de carga de arredor de dúas horas de vídeo”. Asemade, pode
empregarse coa batería recargable que vén co produto ou con pilas de litio AAA.
Polo que atinxe aos
trebellos Flip MinoHD, dicir que subministran entre unha e dúas horas de
gravación, dependendo do modelo. A súa feitura é miúda e elegante, sinala
Cisco, ao que cómpre engadir as excelentes calidades de imaxe de alta definición
que achega.
Polo que atinxe ao
sistema operativo, informar que integran a última versión de FlipShare 5.11, o
programa compatible con computadores Windows e Mac, e que entre outras cousas
posibilita “unha doada organización e
creación de vídeos, amais de facilidades no intercambio dos mesmos mediante
correo electrónico, sen necesidade de adxuntar o arquivo, ou cargándoo
directamente nas redes sociais”. A maiores de todo isto, o software
incorpora unha función chamada FlipShare Groups que mellora o manexo dos vídeos
e o acceso aos mesmos a través de calquera navegador da Rede, ou ben mediante
as aplicacións móbiles FlipShare Mobile Apps, dispoñibles para iPhone,
iPad e dispositivos Android. No que se refire a prezos, o MinoHD de unha hora
de gravación chega ao mercado a un custe de 149 euros, o MinoHD de dúas horas
faino a 179 euros, ao igual que o Flip UltraHD de dúas horas de gravación. As
videocámaras chegarán ás tendas, físicas e virtuais, a partir do mes de abril.
Con todo, pódense facer
reservas na Internet.