Clan TV estreará o luns unha serie infantil rodada en Galicia

xoves, 22 de xuño do 2023 Redacción

O Teatro Colón da Coruña serviu de escenario para a preestrea da serie infantil Los argonautas y la moneda de oro, coprodución de Portocabo e RTVE filmada o pasado verán entre Laxe e A Coruña co apoio da Xunta a través do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual. En concreto, a produtora coruñesa contou cunha subvención de 350.000 euros para os 50 capítulos que conforman a primeira serie en imaxe real de Clan e que esta canle comezará a emitir o vindeiro luns 26 de xuño.
O director das Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo na première desta tarde, así como na presentación previa aos medios de comunicación. Nela interviñeron, ademais, o produtor executivo de Los argonautas, Alfonso Blanco; a súa directora, Lucía Estévez; o director de Contidos Infantís de RTVE e Clan, Yago Fandiño, e o director de contidos de CRTVG, Fernando Ojea.
Sutil tomou a palabra para subliñar a consolidación de Portocabo como produtora de referencia na produción de ficción a nivel estatal. Referiuse, neste sentido, a outros dous títulos tamén rodados en Galicia como proxectos do Hub Audiovisual: a segunda temporada de Los enviados para SkyShowtime e as dúas primeiras entregas de Rapa, que xa poden verse completas en Movistar Plus+. Para o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, estes traballos exemplifican, así mesmo, o excelente momento do audiovisual galego tanto a nivel artístico, como técnico e profesional, recoñecido tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
Referiuse, así mesmo, aos valores que Los argonautas y la moneda de oro lle transmite á rapazada de entre 9 e 12 anos, a quen se dirixe prioritariamente esta serie live action interpretada por Eva Fernández, Federico Pérez e as actrices e actores noveis Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela ou Xoel Río, entre outros.

A serie contou co apoio do Hub Audiovisual

PUBLICIDADE