Comeza a Semana da Ciencia máis ecolóxica

luns, 10 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

A Semana da Ciencia 2008, actividade xenérica organizada a nivel europeo, ten en Galiza un dos seus centros de operacións máis activos. E o repunte de actividade, que xa comezamos a albiscar nos días previos, arranca oficialmente este luns cun total de 106 accións diferentes de divulgación científica organizadas por máis de 60 entidades públicas e privadas de toda a nosa xeografía. A Semana, que conta en Galiza coa Consellería de Innovación en labores de coordinación, estenderase até o 23 de novembro. Por certo que este ano, coincidindo coa celebración do Ano Internacional do Planeta Terra, unha boa parte das actividades programadas (a nivel xeral, non só galego) xirarán arredor dun mesmo eixe: as ciencias como solución para o esgotamento dos recursos e o efecto invernadoiro.
O alicerce da Semana Ciencia 2008 é o mesmo que o doutros anos, pero procurando a mellor sintonía posible cos principais destinatarios do evento: a mocidade galega de hoxe, comunidade científica e investigadora do mañá.
Neste senso, véñense de reforzar os contidos achegados pero, sobre todo, as canles e os formatos. Dito doutro xeito: a ciencia de cara á sociedade en xeral non é nada se non atopa un eido de comunicación axeitado. Os pasos a dar están indo cara á participación activa, o lúdico, o informal e, tamén, o definitivamente artístico (de feito, segue adiante dentro da Semana a xira de Chévere co seu cabaré científico SOS Planeta Terra).
En Galiza, como dixemos, a Semana da Ciencia está coordinada pola Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de I+D+i, en colaboración con FECYT, Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal. O orzamento investido pola Consellaría neste evento achégase aos 800 mil euros. Por certo que as actividades do programa xa poden ser consultadas polo miúdo na web da Semana, onde se dá conta dos lugares, as temáticas e os formatos das diferentes accións preparadas.

PUBLICIDADE