Dygra reclama en Madrid máis esforzo das institucións a prol da animación dixital

martes, 23 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

Entre as participacións galegas no pasado Foro Internacional de Contidos Dixitais, cómpre salientar entre outras a de Dygra Films, en boa medida polo que tivo de chamamento a prol do futuro do audiovisual, unha linguaxe (en ocasións artística e ás veces todo o contrario) que de maneira inevitable vai evolucionar ombro con ombro coas redes e ferramentas dixitais do coñecemento. A participación de Dygra no encontro madrileño artellouse nunha mesa redonda e nun obradoiro, onde os responsables dos estudos afondaron no papel da estereoscopía na animación dixital, para o que botaron man da súa experiencia con Holy Night!, a cuarta longa da factoría galega, desenvolvida sobre a dita tecnoloxía.
Manolo Gómez, director de Dygra, aproveitou a súa estadía no Foro para reclamarlles aos poderes públicos meirande compromiso no sector industrial de xeración de contidos dixitais, “unha aposta por un sector produtivo que traballa con ideas e máis con talento”. A maiores, Gómez quixo salientar a técnica de 3D estereoscópica coma un elemento diferencial que está a pór en xogo unha revolución no eido do cinema e que condiciona a produción e mesmo a distribución. Tanto é así, que a estrea de Holy Night!, prevista para este Nadal en 400 salas, tivo que adiarse até 2011, posto que o interese da empresa é que se estree en cinemas dixitais, co fin de tirarlle o máximo rendemento ao esforzo despregado.
Gómez tamén aproveitou para afondar na existencia dun “falso 3D”, que en liñas xerais consiste en pasar a 3D un filme feito en dúas dimensións, “o que provoca a frustración do espectador, que non ve satisfeitas as súas expectativas”. Porén, se unha película en dixital 3D é boa, subliñou, achega unha “experiencia envolvente que fai que pague a pena o maior custe da entrada”.

PUBLICIDADE