EE comercializará unha cámara de acción con 4G no Reino Unido

mércores, 28 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O operador británico EE está a sorprender comercializando a súa Capture Cam, unha cámara deportiva de peto (de só 55 x 55 milímetros), que non só é capaz de gravar vídeo Full HD a 30 cadros por segundo en tarxetas de memoria microSD de até 64 GB, e disparar fotografías de 8 Mpíxeles, senón que tamén é capaz de realizar streaming de vídeo a 720p e 30 imaxes por segundo, o que é especialmente atractivo xa que realízase a través da rede 4G da compañía.
O produto aínda podería ser máis atractivo se temos en conta que mediante a aplicación móbil de Skeegle é posible empregar a cámara para retransmitir a través de Periscope, Meerkat ou YouTube. EE tamén achegará unha aplicación para iOS e Android que permite o control remoto da cámara e o acceso aos contidos que rexistra nos seus 4 GB de almacenamento interno.
Un produto realmente rechamante que chegará ao mercado británico antes do Nadal, e que indicaría que os operadores de telefonía móbil poderían ter interese nas cámaras de acción como un elemento que pon en valor as súas novas redes 4G.

PUBLICIDADE