Elon Musk rebélase contra a Xustiza brasileira

luns, 8 de abril do 2024 Marcus Fernández

A existencia de afinidade entre Bolsonaro e Musk evidencia a parcialidade do propietario de X

A polémica en X/Twitter por mor da particular lectura que ten o seu propietario sobre a liberdade de expresión chega agora ao Brasil, onde un xuízo do Tribunal Supremo abriu unha investigación contra Elon Musk despois de que anunciase que levantaba as restricións en X ás contas de usuario que ordenou bloquear o maxistrado Alexandre de Moraes, contra o que Musk está a emprender unha cruzada persoal, insistindo en que está a actuar fóra da Constitución e pedindo a súa renuncia ou destitución.
A orde inicial de Moraes incluía sancións por valor de 100.000 reais (18 mil euros) por cada día de incumprimento, e indicacións sobre a confidencialidade das contas que X debía bloquear, ante o que Musk asegurou que publicará todo o demandado asegurando que vai contra a lexislación brasileira.
Crese que os perfís sobre os que se pediron medidas restritivas estaba ligados a movementos de extrema dereita que publicaron contido relacionado coas revoltas do 8 de xaneiro de 2023, cando milleiros de simpatizantes de Jair Bolsonaro asaltaron o Congreso, o Tribunal Supremo e o palacio presidencial, pois actualmente tamén está en curso unha investigación sobre Bolsonaro e os seus seareiro polos seus roles nun presunto intento de golpe de Estado.
O propio Bolsonaro compartiu esta fin de semana un vídeo de 2022 no que figuraba con Elon Musk, como agradecemento do apoio que está a recibir por parte do multimillonario, mentres que o responsable da comunicación da presidencia do Brasil, Paulo Pimenta, deixa claro que Brasil é un estado soberano e «ninguén vai impor a súa vontade autoritaria e facer valer a lóxica de que os cartos constitúen un modelo de negocio que está por enriba da Constitución Federal» á vez que cita a Alexandre Moraes cando asegura que «as redes sociais non son territorio sen lei! As redes sociais non son terra de ninguén!».
Estamos ante unha clara provocación de Musk ás autoridades xudiciais brasileiras, que moi probablemente rematarán bloqueando temporalmente o acceso a X no Brasil, ante o que Musk recomenda a instalación de aplicacións de VPN para poder seguir accedendo á súa plataforma social.
A situación o que si está a facer é reforzar o debate sobre a necesidade urxente de regular a intelixencia artificial e as redes sociais no Brasil, confiándose incluso na aprobación dun novo marco legal sobre as redes sociais este mesmo mes.

PUBLICIDADE