Escasa oferta de dispositivos compatibles coa TDT de pago

xoves, 3 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Televés tamén ofertará un receptor para a TDT de pago

A chegada da TDT de pago a España pillou aos fabricantes de electrónica de consumo por sorpresa, na actualidade só está confirmado o lanzamento de 5 receptores compatibles: o Smart Premium (Ikusi), o RT7000 e o R/7010 (Engel), o Gigaset M295T CA (Siemens) e o Q.BO 7152 (Televés). Pero no tocante aos módulos Common Interface para adaptar os televisores máis modernos á televisión de pago a oferta aínda é inferior, con só 2 modelos: a Engel CAM RT7900 e a Gigaset Premium CAM (Siemens).

Siemens achegará a súa CAM para a TDT Premium a finais de mes

Pero pese a coñecerse estes dispositivos, atopalos nas tendas é toda unha odisea, e os primeiros en chegar a mediados de mes, a prezos máis elevados do agardado, serán os de Engel. Así, os receptores RT7000 e RT7010 venderanse a 74,90 e 94,90 euros respectivamente, mentres que a CAM do mesmo fabricante custarán 89,90 euros, incluíndo os 3 un mes de Gol TV de balde.
Siemens pola súa banda asegura que achegará a finais de mes a súa Gigaset Premium CAM, tendo que agardarse ata outubro para mercar o seu receptor compatible coa TDT de pago (o Gigaset M295T CA).
En definitiva, que acceder á TDT de pago hoxe en día é unha misión imposible, demostrando a improvisación da súa regulación en España.

PUBLICIDADE