Estréitase o cerco sobre a publicidade lixo a través do móbil

luns, 1 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O Consello de Ministros vén de dar o seu apoio definitivo ao anteproxecto de lei dos ministerios de Sanidade, Xustiza, Economía e Industria encamiñado a declarar ilegal o chamado lixo informativo chegado pola vía telefónica. Este anteproxecto, do que xa falamos hai unhas semanas nesta mesma web, é o resultado dos milleiros de queixas presentadas perante diferentes órganos públicos ou privados por parte de usuarios de terminais móbiles víctimas de algún tipo de calote telefónico (enganos de diversa índole, tentantivas de fraude bancario, supostas propostas de encontros amorosos que deveñen en chamadas e mensaxes cara ningures, etc.). A iniciativa inclúe cambios sobre catro leis xerais, tal e como reflictiu o Goberno: defensa dos consumidores e de usuarios, competencia desleal, publicidade e ordenación de comercio minorista e sobre a directiva europea 2005/29, que é a que establece cales son os prácticas comerciais desleais e cales non.
O que está máis ou menos claro é que unha boa parte da publicidade que nos chega a través do móbil, case toda ela ben cuestionable, vai entrar dentro do saco do “desleal”. O que se pretende, xa que logo, é afianzar o chan que pisan os usuarios destes aparellos e servizos e máis as propias empresas que traballan neste eido en concreto cumprindo coas requisitios mínimos de fiabilidade. Segundo o anteproxecto, considerarse “desleal” aquilo que poida levar a un erro ao usuario de novas tecnoloxías en xeral, “mermando a súa capacidade de elección”. Por exemplo: unha chamada que nos pon en aviso sobre un descoñecido ou descoñecida (por outra banda inexistentes) que queren coñecernos e, a ser posible (se llo permitimos), chegar a cuestións un pouco máis serias e fondas.
Un dos detonantes deste movemento de ficha do Executivo central estaría no acontecido hai uns días co fraude a gran escala lanzado con feitura de sms e no que se informaba da existencia dun mensaxe de voz sen escoitar e dun teléfono con prefixo 905 ao que facer un chamado para acceder a el. O sms en cuestión, que non era máis que un xeito de levarnos dun número a outro para quedarse cos nosos cartos, tivo unha característica da que non goza a gran maioría destas tentativas de roubo polo móbil: era un sms máis ou menos crible. Isto, unido aos centos de denuncias motivadas polo mesmo (denuncias que reflicten só unha pequena parte dos fraudes consumados, tendo en conta a cantidade de usuarios que prefire non recoñecer a estafa) e aos abusos continuados de supostas empresas que se dedican a enviar chamadas e mensaxes non solicitados, é precisamente o que constitúe o alicerce do anteproxecto do lei do Goberno.

PUBLICIDADE