Everis e Coremain recibirán na Noite das Telecomunicacións o premio INEO

venres, 17 de outubro do 2014 Redacción

Luis Álvarez Sestelo, director xeral de Coremain

O premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014, outorgado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (galardón que se vai entregar na XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, prevista para o vindeiro 24 de outubro no Gran Hotel da Toxa), foille concedido a UTE Everis-Coremain e o seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes, polo seu “alto grao de innovación, a especial potenciación da cooperación entre empresas e Administración, o aval de ter superado un concurso no competitivo marco da compra única innovadora e o seu enfoque da xestión hospitalaria dirixida ao paciente”. InnovaSIS é un proxecto de innovación que se enmarca no Plan Hospital2050 do Servizo Galego de Saúde e baséase no desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica que permitirá implantar nas organizacións sanitarias un novo modelo de servizos asistenciais centrado nos cidadáns.
Entre as súas particularidades máis salientábeis inclúese a de asegurar a continuidade asistencial, a súa eficiencia e máis o feito de garantir a implicación dos profesionais. Segundo informan a galega Coremain e Everis, esta tecnoloxía preséntase “como un sistema de referencia para a xestión integral da actividade asistencial, proporcionando cobertura a todos os niveis e modalidades asistenciais”. Ademais, engaden, intégrase de maneira natural (e en base a estándares) co resto de sistemas de información, aplicacións departamentais e equipamento tecnolóxico do servizo de saúde.
Segundo fan saber as dúas empresas, InnovaSIS ofrece cobertura tecnolóxica a tres dos principais retos cos que se enfrontan as organizacións sanitarias do século XXI. Por unha banda, o de permitir a xestión integral dos problemas de saúde e ofrecer un soporte aos procesos asistenciais integrados. Pola outra, potenciar e afianzar as unidades de xestión clínica multidisciplinares. Asemade, o terceiro reto é o de ser quen de asegurar o bo funcionamento das novas fórmulas organizativas de xestión integrada. O produto está dirixido a organizacións sanitarias que requiran unha solución avanzada para a xestión de pacientes, “con capacidade para incorporar de maneira flexíbel e sinxela innovacións organizativas e funcionais que garantan a continuidade asistencial”.
O premio INEO recoñece “o alto grao de innovación do produto”, “a especial potenciación da cooperación entre as empresas e a administración”, “o aval de superar un concurso no competitivo marco da compra pública innovadora” e o “seu enfoque de xestión da atención, centrada no paciente”.

PUBLICIDADE