Google Maps veta temporalmente o seu acceso dende móbiles con Windows Phone

luns, 7 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Algunhas versións locais de Google Maps aínda están dispoñibles dende Windows Phone 8

A postura de Google no mercado dos dispositivos móbiles está a ser moito máis agresiva do que parecía, e en vista das últimas novas ao respecto, entendemos que ten unha forte presenza en dispositivos con iOS simplemente porque esa foi a plataforma de entrada e a que gozaba ata hai pouco dunha posición que liderado indiscutible, de xeito que ausentarse de tal plataforma podería prexudicar seriamente a Google, pero a compañía de Mountain View defende a Android con forza como axente dominante, e está a pór moitos atrancos á entrada dun novo actor, especialmente se este é Microsoft, e tras negarse a apoiar a Windows 8/RT, chega agora a ofensiva contra Windows Phone 8, que vai dende impedir a creación dunha digna aplicación de YouTube a unha nova polémica: vetar o acceso a Google Maps dende os móbiles co sistema operativo de Microsoft.
Este último movemento resulta difícil de entender, pois aínda que os móbiles con Windows Phone 8 xa contan cunha digna ferramenta de mapas (achegada por Nokia) na web Google Maps goza de boa implantación e, ata hai pouco máis dunha semana o servizo estaba dispoñible sen problema, pero misteriosamente Google comezou a redirixir aos usuarios de Windows Phone 8 que cargaban a páxina web dos seus mapas a google.com, argumentando inicialmente que non daban soporte ao navegador web móbil de Internet Explorer por estar o seu servizo deseñado para WebKit (afirmación que non se sostiña polo feito de que o servizo si funcionaba sen problema nos móbiles de Microsoft á vez que a versión británica dos mapas aínda permanecía accesible).
Esta decisión de Google causou indignación nos usuarios, o que parece levalos a rectificar publicando un comunicado no que aseguran que “recentes melloras na versión móbil Internet Explorer e Google Maps achegan agora unha mellor experiencia e estamso a traballar en eliminar a redirección. Continuaremos a probar a compatiblidade de Google Maps con outros navegadores web móbiles para asegurar a mellor experiencia posible para os usuarios”.

PUBLICIDADE