Google celebra o 50º aniversario das pezas de LEGO

luns, 28 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Google amosa o seu logotipo construído con pezas de LEGO

Un par de veces ó mes, Google celebra cabodanos e festas cambiando o logotipo do seu buscador a xeito de homenaxe, pero a de hoxe está a ter unha repercusión moi importante, xa que se cumpren 50 anos dos LEGO, o que está a aparecer en centos de blogs, o que podería ser indicativo da idade dos blogueiros máis activos, así como do interese que xeran certas temáticas nostálxicas.
A empresa LEGO fundouse en 1934 polo danés Ole Kirk Christiansen, pero os seus populares ladrillos non foron patentados ata o 28 de xaneiro de 1958, dando lugar ó que moitas veces foi recoñecido coma o xoguete do século XX.
De feito, os LEGO son moito máis que un xoguete, e se converte en toda unha iconografía que ten bastante repercusión cultural, e que inspirou a videoxogos baseados na saga cinematográfica de Star Wars e, durante este ano, dará lugar a curiosas visións de Batman e Indiana Jones, que chegarán a ordenadores e consolas coa forma dos populares bonecos da marca que tantos éxitos colleita entre cativos e non tan cativos de todo o mundo.

PUBLICIDADE