Google presenta os produtos que estrearán Android 4.2

luns, 29 de outubro do 2012 Marcus Fernández

O furacán Sandy forzou a Google a suspender un evento no que tiñan pensado presentar Android 4.2 e varios produtos que funcionará co novo sabor de Jelly Bean (desta volta Android non actualizaría o seu alcume de versión), pero iso non podía adiar o calendario de lanzamentos da compañía, de xeito que optaron por dar a coñecer as novidades no seu blog oficial, confirmando que teremos Android 4.2, móbil Nexus 4 fabricado por LG, tablet Nexus 7 co dobre de capacidade de almacenamento sen incremento de prezo e un novo tablet Nexus 10 que presenta unha pantalla de máis resolución que a pantalla Retina do novo iPad.

Nexus 4

O novo smartphone fabricado por LG conta cun procesador de catro núcleos a 1,5 GHz, pantalla True HD IPS Plus de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 768 píxeles, 1 Gb de RAM, 8 ou 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, batería de 2.100 mAh que pode cargarse sen fíos, NFC, un grosor de 9,1 milímetros e un peso de 139 gramos, que chegará a España a través de Google Play o 13 de novembro por un prezo libre de 299 e 349 dólares para os seus modelos de 8 e 16 Gb respectivamente, o que pode considerar como unha auténtica ganga para un dispositivo de alta gama.

Nexus 7

O tablet de 7 polgadas de Google é todo un referente no sector, e vese que o lanzamento do iPad mini e do Kindle Fire HD forzou a unha actualización deste dispositivos que agora estará dispoñible co dobre de capacidade polo mesmo prezo, ou sexa, 199 e 249 dólares para os modelos de 16 e 32 Gb, estreándose tamén un atractivo Nexus 7 de 32 Gb con 3G por 299 dólares que tamén estará dispoñible para o mercado español a través de Google Play dende o día 13 de novembro, e que pode ser unha opción moi interesante para quen desexe un tablet con conectividade móbil.

Nexus 10

Aínda que o Nexus 7 sexa moi transportable, non sempre é desexable un dispositivo cunha pantalla tan cativa, de aí que agora Google compita cara a cara co novo iPad grazas ao Nexus 10, tablet de grande potencia e cunha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles que con seus 300 puntos por polgada supera sobradamente os 264 dpi do tablet de Apple.
Este interesante tablet goza dunha autonomía de ata 9 horas de reprodución continua de vídeo e máis de 500 horas en espera. Porase á venda a partires do 13 de novembro en Google Play por 399 e 499 dólares para os seus modelos de 16 e 32 Gb respectivamente.

En España a partires do día 13

Desta volta Google inclúe a España entre os países nos que vai vender os seus novos produtos dende o primeiro día, xunto con EE.UU. Reino Unido, Francia, Alemaña, Canadá e Xapón (agás co Nexus 4, que non se venderá no mercado nipón), agardándose que, como en casos anteriores, o prezo en dólares tradúzase directamente a euros.


Vídeo co que presentan novos detalles de Android 4.2 e os seus dispositivos

PUBLICIDADE