JBL pon á venda o seu primeiro micrófono USB

xoves, 31 de marzo do 2022 Marcus Fernández

A marca JBL ten certo recoñecemento no mundo do audio, principalmente con altofalantes e auriculares, pero nos últimos tempos creou tamén unha liña de produtos orientada aos xogadores, JBL Quantum, que está a sumar o primeiro micrófono USB da marca, o JBL Quantum Stream.
Este novo micrófono ten dobre condensador Electret de 14 milímetros cunha taxa de mostraxe de 24 bits e 96 kHz, e conta con 2 patróns de captación de voz seleccionables, polo que resulta válido para captar a voz dunha única persoa ou tamén para recoller a varias persoas ao seu redor. Tamén pode silenciarse con só premer un botón (o que activa un indicador luminoso).
O JBL Quantum Stream permite monitorizar a voz e axustar o volume directamente dende o micrófono, ten efectos de iluminación RGB controlables mediante software, e pode montarse practicamente de calquera xeito xa que, aparte dun soporte reversible, tamén conta con rosca estándar para poder montalo en trípodes ou brazos.
Este micrófono de deseño metálico, que resulta ideal para retransmisións en directo ou para a realización de podcasts, está á venda a un prezo de 99,99 euros.

Vídeo promocional do micrófono JBL Quantum Stream

PUBLICIDADE