Kinect chega aos 2,5 millóns de unidades vendidas

martes, 30 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Microsoft vén de anunciar oficialmente que, tras as fortes vendas do Black Friday, conseguiron chegar aos 2,5 millóns de sensores de Kinect vendidos a nivel mundial cando este produto só leva 25 días no mercado e nos seus 10 primeiros días lograra vender 1 millón de unidades, polo que parece manter un ritmo de vendas uniforme, de xeito que a expectacións da compañía de chegar aos 5 millóns de dispositivos vendidos ao remate do ano parece bastante realista, e confirmaría que Kinect está a ter un éxito considerable, especialmente nos EE.UU. (onde a Xbox 360 é unha consola moito máis popular que a PS3).
Ante estes datos, dende Sony quixeron encher o peito e comunicaron que xa remitiron ás tendas 4,1 millóns de PlayStation Move, o que non corresponde a unidades vendidas na práctica (coma fai Microsoft) polo que resulta difícil comparar as cantidades comunicadas por ambas compañías. Tampouco coincidiron as datas de lanzamento (PlayStation Move estreouse o pasado mes de setembro) polo que parece razoable estimar que Kinect está a ter mellor acollida que Move, aínda que non ten moito sentido facer comparacións ata despois da campaña de Nadal, cando poderá facerse un reconto de unidades con certo rigor, o que podería afectar seriamente a ambas plataformas de cara ao futuro, pois as compañías desenvolvedoras primarán as producións para plataformas coa maior base de usuarios posible.

PUBLICIDADE