Kinect coloca 1 millón de unidades en 10 días

luns, 15 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Non parece haber dúbidas sobre a boa recepción que ten Kinect nos EE.UU., e finalmente Microsoft deu datos oficiais sobre as vendas deste novo accesorio para a Xbox 360 que converte ao corpo do usuario no seu mando de control, asegurando que en 10 días conseguiron vender 1 millóns de unidades a nivel mundial, agardando chegar aos 5 millóns de unidades ao rematar o ano, o que podería servir para dar un importante pulo a esta plataforma de xogos que de cara á campaña de Nadal poderá atraer a unha serie de usuarios á consola de Microsoft que tradicionalmente optarían por dispositivos como a Wii. De feito, dende a cadea de tendas Best Buy estiman que «Kinect vai ser un dos agasallos obrigados» nas festas de Nadal.
Á revolución nos xeitos de xogar hai outro factor a ter en conta no éxito da Xbox 360 nos EE.UU., coma son as súas facilidades multimedia ou de cara ás redes sociais, pois un estudo recente sostén que a consola de Microsoft só está a empregarse para xogar o 60% do tempo, o que ratifica que as consolas de videoxogos de alta definición están a converterse en canles de distribución de servizos e contidos, o que ferramentas coma Kinect poden amplificar, xa que achegan novas interfaces de uso e tamén facilita a realización de videoconferencias no salón da casa, mellorando as posibilidades de comunicación dos seus usuarios.

PUBLICIDADE