Modifican o xogo The Witcher 3 para lucir como a serie de Netflix

martes, 24 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Dende Microsoft tiveron a boa vista de incorporar o xogo The Witcher 3 ao servizo Xbox Game Pass unhas horas antes da estrea da serie The Witcher en Netflix, facilitando así as sinerxías entre os xogos e a serie baseada nas novelas de Andrzej Sapkowski.
Pero non todas as iniciativas dirixidas a explotar o crossmedia son corporativas, senón que os propios seareiros tamén fan as súas achegas, e así temos que un usuario decidiu publicar un mod para The Witcher 3: Wild Hunt que permite mudar a aparencia de Geralt de Rivia no xogo pola do actor Henry Cavill na serie de Netflix e, para completar a faena, vén de engadir tamén a modificación de Yennefer, para que presente o rostro da actriz Anya Chalotra.
O autor deste mod ten como nome de usuario Adnan4444, e continúa a pulir o seu traballo pouco a pouco, xa que estamos ante un mod en constante evolución, para o que xa están a pedir a modificación do personaxe de Ciri, o que completaría o trío de protagonistas da serie de Netflix.

O mod naceu dando a Geralt de Rivia a aparencia de Henry Cavill
A incorporación de Yennefer a este mod fai que o xogo de CD Projekt Red pareza cada vez máis inspirado na serie de Netflix

PUBLICIDADE