Nace Citizendium, a alternativa cidadá á Wikipedia

martes, 27 de marzo do 2007 Raquel Noya

Semella que ós grandes de Internet lles están a saír competidores até de debaixo das pedras. YouTube, Google, MSN, Yahoo! asisten dende hai tempo á proliferación de imitadores ou, para dicilo máis suavemente, de webs influenciadas ou máis ou menos inspiradas por estes servizos. A Wikipedia (que non é un grande propiamente dito, nin unha empresa con ánimo de lucro) semella ter deixado tamén unha boa pegada na Rede, como se pode deducir da posta en marcha de Citizendium, unha enciclopedia en liña e de balde, escrita por usuarios individuais, que xa esta a disposición dos usuarios e en fase de probas, para tratar de competir coa Wikipedia de toda a vida (unha vida curta aínda pero ben intensa).
Cun estilo inspirado na web da que recolle certas ideas de contido e de feitura, o novo sitio é obra de Larry Sanger, un cofundador da Wikipedia, e polo de agora “conta con máis de 1.000 artigos, centos de autores e máis de cen editores”. O sitio proclámase como un lugar de encontro cidadá no que calquera pode colaborar pero, para curarse en saúde, os editores dos artigos han de ter título académico e dominar o tema do que tratan, a fin de evitar certas meteduras de zoca que en ocasións tivo a súa antecesora, acusada moitas veces de difamación. Ademais, a diferenza da Wikipedia, os autores e colaboradores desta nova enciclopedia virtual han de rexistrarse empregando os seus nomes reais.
O obxectivo dos seus creadores é “acadar o variado entendemento da realidade e crear unha nova comunidade en liña” así como crear “unha enciclopedia máis fiable” aínda que evitarán esta última clasificación “ata que os editores se sintan cómodos e estean dispostos a avalar o proxecto coas súas reputacións”.
Non sabemos en canto tempo acadarán o obxectivo pero pola iniciativa amosada e pola teimosía posta no proxecto, a Citizendium vai camiño de aglutinar centos de milleiros de artigos cos que deixar fóra de xogo á popular Wikipedia.

PUBLICIDADE