Nebula Capsule II: un proxector de vídeo en HD que semella unha lata de refresco

venres, 26 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Pese ás súas moitas limitacións, o ano pasado causou furor en Indiegogo unha campaña de micromecenado para financiar un proxector de vídeo de tamaño reducido, chamado Nebula, e que actualmente comercializa Anker, de aí que non sorprenda que este ano recunquen cunha nova xeración do produto, o Nebula Capsule II, que presume de ser o primeiro cine de peto con Android TV, e que desta volta busca financiamento a través de Kickstarter.
Este novo produto, que parte dun prezo de 369 dólares, ten como principal mellora a resolución da imaxe, que agora chega aos 1.280 x 720 píxeles, dobrando tamén o seu brillo (até 200 lumenes) e mellorando o son, de xeito que conseguen un produto máis atractivo que pretende entregar aos mecenas a partires de maio de 2019.
Ao funcionar con Android TV, o Nebula Capsule II ten á súa disposición un grande número de aplicacións de vídeo das que pode coller directamente os contidos a proxectar, converténdose nunha solución audiovisual moi práctica, e que incluso pode aproveitarse para xogar en pantalla grande ou para compartir contidos de dispositivos móbiles ou ordenadores portátiles. En definitiva, un trebello moi versátil, que incluso atende a ordes de voz grazas ao Asistente de Google, que ao vir equipado cunha batería capaz de proxectar até 3 horas de vídeo cunha única carga convértese nunha magnífica solución audiovisual para levar, xa que conserva o seu formato de lata de refresco que tan popular fixo ao proxector orixinal.

PUBLICIDADE