Noruega declara ilegal o servizo de descargas iTunes

venres, 26 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Tras moitos avisos e advertencias, a tenda de Apple iTunes foi declarada ilegal en Noruega por vender “de xeito ilegal” contidos incompatibles cos dispositivos doutras compañías, segundo indica a xustiza daquel país. Polo visto, as cancións baixadas no iTunes, malia seren pagadas polos usuarios, só funcionan nos reprodutores do mesmo nome e nos dispositivos iPod de Apple, o que supón a violación da lexislación vixente. Segundo recolle o Financial Times, a decisión radical tomada no país nórdico podería ser imitada en breve por outros países como Suecia, Finlandia, Alemaña ou Francia, nos que xa non é a primeira vez que se cualifica de ilegal (aínda que non oficialmente) o funcionamento do iTunes, e nos que tamén se advertiu á compañía de facer compatibles os contidos en liña que ofrece.
A decisión supón unha dura esnafrada para a particular visión comercial de Apple, baseada (inxustamente para os consumidores), na exclusividade dos contidos. Trala denuncia do defensor do consumidor noruegués, a firma ten de prazo até o 1 de outubro para actualizar os seus códigos e facer que as cancións descargadas a través de iTunes sexan compatibles cos reprodutores doutras compañías, a non ser que prefira enfrontarse a unha dura indemnización ou mesmo ó peche definitivo do servizo neste e noutros países.

PUBLICIDADE