Nothing Chats adía o seu lanzamento por problemas de seguridade

luns, 20 de novembro do 2023 Marcus Fernández

O anuncio de que o pasado venres os usuarios de móbiles Nothing Phone (2) podería comezar a utilizar a aplicación Nothing Chats que facilitaríalles intercambiar mensaxes de xeito nativo con usuarios de iPhone provocou bastante rebumbio e unha grande preocupación pola seguridade do método empregado para conseguir tal, xa que a solución empregada baséase en Sunbird, unha plataforma que consegue o impresionante logro utilizando unha granxa de ordenadores Mac mini, ou sexa, que os usuarios teñen unha sesión iniciada nun ordenador alleo para poder intercambiar mensaxes con usuarios de iOS.
Non foron poucos os que puxeron a aplicación baixo a lupa, e atoparon prácticas moi preocupantes por parte de Sunbird, compañía que pese a asegurar que contaba con certificación de seguridade sobre o tratamento de datos, na práctica estaba a descoidar os datos intercambiados polos usuarios, até o punto de nin sequera empregar métodos de transferencia de datos seguros.
Incluso hai expertos de seguridade que aseguran que é posible acceder a todos os ficheiros que se intercambian a través de Sunbird, advertindo de que realmente é imposible que a aplicación proposta poida funcionar dun xeito seguro, e incluso chegan a suxerir que dende Sunbird mentiron a Nothing ao asegurar que as comunicacións que empregaban estaba cifradas de extremo a extremo.
Dende Nothing aseguran que retiraron Nothing Chats da tenda de aplicacións para Android, e que adían o seu lanzamento até que Sunbird corrixa os numerosos fallos de seguridade, algo que non parece que poida ser posible, pois non estamos ante erros de código, senón ante un concepto que non parece poder sustentarse de xeito seguro, e suporía sempre un risco inaceptable para calquera usuario.

PUBLICIDADE