O Blu-ray continúa a ter problemas para colocarse no mercado coma sucesor do DVD

luns, 5 de maio do 2008 Marcus Fernández

A guerra dos formatos de vídeo de alta definición alzou ao Blu-ray coma vencedor fronte ao HD DVD, pero iso non parece servir para dar un pulo a esta tecnoloxía, que carece dunha demanda significativa, o que confirma un informe publicado por NPD Group que destaca unha caída do 40% nas vendas de reprodutores Blu-ray no mes de febreiro, aínda que en marzo remontou un 2%.
Os novos formatos estaban a promoverse por parte da industria ante a caída de vendas e prezos dos discos DVD, como un xeito de reavivar o sector, pero os altos prezos de reprodutores e películas, así como a pouca presenza da televisión (e os televisores) de alta definición.
De todos os xeitos hai que destacar que a PlayStation 3 ten un reprodutor de Blu-ray integrado, e que no informe de NDP non aparecen reflectidas as súas vendas.
Destaquemos tamén que en España xa hai anunciados uns 319 títulos en Blu-ray, pero o seu prezo é preto do dobre do que teñen en DVD, que na meirande parte dos casos non xustifica a re-adquisición dunha película, e incluso hai distribuidoras que desisten da comercialización de películas en alta definición durante o presente ano por non contar con masters de calidade para facer tal.
Pero aínda é moi cedo para poder analizar o estado real dos discos de alta definición, e habería que agardar ao vindeiro Nadal para ver se o Blu-ray se confirma coma o soporte de vídeo do futuro ou segue o mesmo camiño que formatos coma o VCD ou o Laserdisc.

PUBLICIDADE