O CITIC lidera un consorcio que creará robots autónomos para o agro, o lecer educativo e a industria
luns, 28 de novembro do 2022
O
Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) lidera un consorcio
internacional para dar forma a unha nova xeración de robots
autonómicos que sexan quen de resolver situacións reais no sector
agroalimentario, no entretemento educativo, no eido da produción
industrial non estruturada e no comercio. Este
é o obxectivo principal do proxecto PILLAR-Robots (Purposeful
Intrinsically motivated Lifelong Learning Autonomous), nado
ao amparo do programa Horizonte Europa, que conta cun orzamento de
total de preto de 5 millóns de euros, dos cales repercutirán no
CITIC máis de 1 millón.
Segundo
explica o CITIC, PILLAR-Robots busca desenvolver unha nova xeración
de trebellos tecnolóxicos avanzados dotados dun maior nivel de
autonomía. “Estes robots”, apunta o investigador principal do
consorcio, Richard Duro, “poderán determinar os seus propios
obxectivos e establecer as súas propias estratexias, aproveitando
creativamente a experiencia adquirida durante a súa vida para
satisfacer os desexos dos seus deseñadores (usuarios humanos en
aplicacións da vida real)”. Con este fin, porase en práctica o
concepto de “propósito”, extraído das ciencias cognitivas,
“para aumentar a autonomía e a independencia do dominio dos robots
durante a aprendizaxe”, engade Duro.
Os
propósitos guiarán a adquisición de coñecementos e habilidades
que son realmente relevantes para operar en situacións reais. En
particular, o proxecto desenvolverá, por unha banda, algoritmos para
a adquisición de propósitos, co obxecto de nesgar os sistemas de
percepción, motivacionais e de decisión da arquitectura cognitiva
desenvolvida para os robots cara a eses propósitos. Pola outra,
busca establecer estratexias para a aprendizaxe autónoma de
representacións, habilidades e modelos que permitirán as decisións
que eventualmente leven a alcanzar propósito. Isto inclúe decisións
sobre o que hai que aprender e en que secuencia.
“Así,
PILLAR-Robots”, asegura o investigador do CITIC “porá en
práctica e validará demostradores da chamada aprendizaxe aberta (en
situacións non previstas durante o deseño dos robots) utilizando a
arquitectura cognitiva intrinsecamente motivada que se desenvolverá
durante o proxecto e todas as estratexias adicionais relacionadas co
propósito. Estas implementacións realizaranse en tres eidos de
aplicación diferentes, caracterizados por distintos tipos e niveis
de variabilidade e incerteza: o agroalimentario, o do entretemento
educativo e no campo da produción industrial non estruturada e o do
comercio”.
Investigación
de vangarda en Europa
Para
a realización deste traballo creouse un consorcio liderado polo
grupo de investigación que dirixe Richard Duro, como parte dun
equipo do CITIC da UDC e no que colaboran equipos de gran prestixio
do CNR (Consiglio Nazionale delle Ricerche) italiano, a Universidade
de La Sorbona de París, o centro de investigación Athina de Atenas,
AI2Life SRL, empresa especializada en aplicacións de Intelixencia
Artificial italiana e PAL Robotics, un dos grandes fabricantes de
robots de servizo de Europa, situado en España.