O Concello da Coruña organiza 5 obradoiros de SWL para fomentar o galego nas novas tecnoloxías

martes, 12 de febreiro do 2008 Raquel Noya

No marco do Plan Xeral de Normalización Lingüística, o Concello da Coruña vai levar a cabo a celebración de ata cinco obradoiros cos que fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías e na telefonía móbil, tal e como establece o devandito Plan aprobado por unanimidade no Parlamento autonómico o 22 de setembro de 2004.
Estes cursos van ter lugar nas sedes de distintas asociacións da cidade e poderán beneficiarse deles ata un máximo de cen persoas.
Os interesados en participar deberán acudir a inscribirse a cadanseus locais nos seguintes horarios:
-Bens-Maído-Comeanda: a partires do mércores 13 de febreiro, de 19 a 21 horas.
-Agra do Orzán: a partires do día 14 de febreiro, de 16 a 18 horas.
-Oza-Gaiteira-Os Castros: dende o venres 15, de 16 a 18 horas.
-Monte Alto: tamén dende o venres 15, de 19 a 21 horas.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres pola Igualdade levará a cabo un obradoiro de SWL coas mesmas características o vindeiro xoves 14 de febreiro dende as sete ata as nove da noite.
Segundo vén de anunciar Mancomun.org, a concelleira de Normalización Lingüística da Coruña, Ermidas Valencia, explicou que con esta iniciativa, a corporación local pretende “difundir, incentivar e promover o emprego do idioma galego nun sector no que a eficacia é fundamental para o desenvolvemento da linguaxe”.

PUBLICIDADE