O Consello da Cultura Galega homenaxea na Rede a Díaz Pardo no centenario do seu nacemento

venres, 21 de agosto do 2020 S. P.

O Consello da Cultura Galega lembra a figura de Díaz Pardo no centenario do seu nacemento (este 22 de agosto) e faino reivindicándoo na Rede cun memorial para, nas súas palabras, “revisitar e difundir a figura deste intelectual e emprendedor”. Entre as accións previstas ao abeiro deste memorial destaca a posta en liña do epistolario cruzado entre Díaz Pardo e Luís Seoane. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, salientou que as cartas agora dixitalizadas e habilitadas online “desvelan a intrahistoria, sempre desde o punto de vista dos dous correspondentes, de enormes proxectos de modernización cultural de Galicia como foron Sargadelos, o Laboratorio de Formas ou o Museo Carlos Maside”. O dito epistolario xa se atopa dispoñíbel no portal do Consello da Cultura.

O homenaxeado

Segundo nos lembra o CCG, Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é “fundamental para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos”. Rosario Álvarez destaca del “o seu carácter emprendedor e a súa intelixencia teimosa para levar diante proxectos ambiciosos que, a primeira vista, parecen utópicos”. Foi tamén, en palabras da presidenta, “un home de carácter, difícil, que dalgún xeito condensa algúns dos trazos menos amábeis da cultura galega contemporánea: supervivente da Galicia republicana e orfo da represión fascista, coñecedor directo da emigración aínda que ben acollido nos ambientes do exilio arxentino”. O epistolario pendurado agora na web do Consello permite, nas súas verbas, “recoñecer a súa personalidade e ver tanto os trazos dun artista polifacético coma o promotor dunha cultura galega moderna e internacional arraigada na nosa historia e base cultural.
O epistolario preséntase cun limiar contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018.
A colección dixital de cartas cruzadas forma parte dun especial web que se irá arrequentando con máis contidos nos vindeiros meses. Agora, ademais do breve artigo introdutorio de Ramón Villares, preséntase acompañado dunha serie de catro reportaxes elaboradas desde culturagalega.gal e que analizan o epistolario en función de catro fíos temáticos: a primeira céntrase na actividade no exilio galego; a segunda analiza as reflexións sobre o fenómeno migratorio, a situación das colectividades galegas en diferentes países e a situación do país; segue a intrahistoria da creación de Sargadelos; e, por último, as súas diferentes visións da arte.

PUBLICIDADE