O ICOIIG mostrou en Santiago como converternos en exploradores de mercados

luns, 29 de abril do 2019 Redacción

O venres pasado, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organizou en Santiago unha nova xornada sobre novas tecnoloxías ao servizo das empresas: ao servizo da súa transformación e tamén da súa competitividade, eficiencia, rendibilidade, comunicación e optimización. Desta volta, púxose o foco na investigación de mercados.
Contouse coa presenza de Luís García Deber e Rafael Vázquez, director xerente e economista social da Fundación Ronsel. Ambos expuxeron os modelos de emprendemento máis puxantes na actualidade, detallaron cales son as competencias emprendedoras máis valoradas e analizaron a metodoloxía Lean como “a máis eficiente e proveitosa para acometer un proxecto de emprendimiento”.
Amais, destacaron as oportunidades que ofrece “a versión dixital do emprendimiento fronte ao modelo tradicional, tales como a rapidez e o custo reducido no desenvolvemento dunha iniciativa profesional propia”.
A segunda xornada, a cargo de José Manuel Castro Pérez, responsábel de Vixilancia Competitiva do IGAPE, centrouse en mostrar con casos prácticos como a identificación dos clientes é diferente segundo os diversos sectores aos que se dirixen os negocios. En concreto, presentáronse exemplos galegos dos sectores de materiais de construción, arquitectura efémera, comercio, industria agroalimentaria e turismo rural.
Ademais, Castro Pérez facilitou información sobre o uso das ferramentas Hontza e Feedly+IFTTT, que permiten unha monitoraxe “constante e sistemática do mercado” para recibir e tratar información referente a clientes, mercados, competencia. Deste xeito, dixo, “axilízase a detección das oportunidades de negocio e increméntanse as posibilidades de éxito”.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 26 de abril en Santiago enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE