O LG G6 presume dunha pantalla FullVision de 5,7 polgadas

luns, 27 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Confirmouse o que LG levaba semanas anticipando, e finalmente o seu smartphone insignia, o LG G6, fíxose oficial destacando pola súa grande pantalla cun formato 18:9 (ou 2:1) que describen como FullVision e que presume de caber nunha man por aproveitar de xeito extraordinario a superficie frontal do teléfono, contando cuns marcos moi reducidos.

Pantalla de grande tamaño e calidade de imaxe

A pantalla FullVision de 5,7 polgadas e resolución de 2.880 x 1.440 píxeles (564 puntos por polgada) é especialmente rechamante se comparamos o terminal co iPhone 7 Plus que pese a ter unha pantalla de menor tamaño (5,5 polgadas) presenta unha dimensións superiores. O LG G6 tería 1 centímetro menos de alto e máis de medio centímetro menos de ancho, e incluso pesa 25 gramos menos que o xigante de Apple, deixando claro que LG sabe aproveitar o espazo nos seus dispositivos.
Un detalle do que tamén presume o LG G6 é de que a súa pantalla é compatible cos estándares HDR máis populares Dolby Vision e HDR10) o que permite visualizar imaxes cunha gama máis ampla de cores e maior luminosidade, permitindo ver todos os detalles tanto nas zonas máis escuras como nas áreas máis brillantes. Aínda que esta tecnoloxía normalmente limítase aos televisores 4K, dado que os contidos de plataformas como Netflix e Amazon achegan contidos deste tipo, LG optou por adaptar o seu novo teléfono a esta oferta de contidos, o que agradecerán os que queiran gozar de películas e series de televisión no seu máximo esplendor.

Cámara innovadora

A nivel de cámara o novo smartphone tamén quere chamar a atención, e desta volta aposta por unha dobre cámara traseira de 13 Mpíxeles que inclúe unha lente de 125 graos en grande angular para poder fotografar a grandes grupos de persoas sen problema e incluso permite realizar transicións entre ambos obxectivos mentres grava vídeo en 4K (conseguindo unha especie de efecto zoom). A cámara frontal tamén conta cun xeneroso campo de visión (100 graos) aínda que a súa definición baixa até os 5 Mpíxeles, pero non opta por un angular tan amplo como o da cámara frontal para evitar distorsións moi pronunciadas.
Dado que a pantalla do teléfono ten o dobre de alto que de ancho, cando disparamos fotografías cadradas (por exemplo, para Instagram) poderemos ter a pantalla dividida en dúas metades (unha coa imaxe actual e outra coas imaxes anteriores para ir comprobando como saíron as fotografías anteriores).

Resistente

Pero o LG G6 non pode quedar atrás en resistencia fronte aos móbiles insignia de Samsung e Apple, e así, o novo smartphone conta con resistencia IP68 á auga e ao po, superando numerosas probas de resistencia ante impactos e temperaturas extremas, podendo incluso funcionar con fiabilidade en condicións moi duras.

Smartphone moi completo

O novo smartphone de LG tamén pode presumir de ser un dos escollidos en poder gozar do Asistente de Google, que estará integrado no sistema grazas á colaboración entre a compañía surcoreana e a de Mountain View, quedando moitos outros elementos dos que o LG G6 pode presumir, como un potente procesador Qualcomm Snapdragon 821, unha xenerosa configuración de memoria (4 GB de RAM LPDDR4 e 32/64 GB de almacenamento UFS 2.0 ampliable mediante tarxetas microSD de até 2 TB), completa conectividade (Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, NFC, USB-C, LTE-A), unha batería aceptable (3.300 mAh) con carga rápida (Qualcomm Quick Charge 3.0) e carcasa en tres cores distintas (negra, branco ou prata).
Queda agora por verse cal será o prezo e as datas na que chegará ás tendas, tendo a oportunidade de adiantarse lixeiramente á chegada do Samsung GALAXY S8, o que podería axudar a que o móbil de LG consiga boas vendas, compensando a mala acollida que tivo o LG G5, que pese a ser un smartphone moi competente, fixo unha aposta pola modularidade que non tivo a resposta que o fabricante esperaba.

Vídeo de presentación do LG G6

PUBLICIDADE