O Nokia N97 podería chegar en xullo da man de Vodafone

luns, 20 de abril do 2009 Marcus Fernández

O vindeiro mes de xullo Vodafone comezará a vender no Reino Unido o Nokia N97, o que podería repetirse tamén no mercado español e non sorprendería que se tratase dunha exclusividade temporal, o que está a converterse en algo moi habitual na estrea de móbiles no mercado de consumo.
Este anuncio viría a confirmar a data de lanzamento do Nokia N97, que estaba prevista para o primeiro semestre de 2009, non detallándose o seu prezo final, que se anunciara a 550 euros + IVE no caso de terminais libres.
O Nokia N97 é un móbil con pantalla táctil de 3,5 polgadas cunha resolución de 640 x 360 píxeles, teclado QWERTY, A-GPS, conectividade HSDPA e Wi-Fi, cámara de 5 Mpíxeles (con gravación de vídeo), 32 Gb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 16 Gb e a 5ª edición do sistema operativo S60, polo que está a verse como o móbil de alta gama que incorpora as innovacións que xa vimos no Nokia 5800 XpressMusic.

PUBLICIDADE