O blog Caderno da crítica de Ramón Nicolás, recoñecido pola AELG

luns, 6 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Finalmente a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) decidiu entregar o seu premio ao mellor blog do ano ao escritor Ramón Nicolás, polo seu Caderno da crítica, un espazo dende o que se dá conta das principais novidades do eido literario galego, achegando un elemento moi de agradecer para os internautas que tamén son lectores de obras na súa lingua: o elemento da análise persoal, sen atrancos, das devanditas novidades. A isto súmase unha vontade de estar, non só virtualmente senón tamén fisicamente, alí onde se fai literatura e se fala dela.
Ramón Nicolás, como lembraremos, é profesor de lingua e literatura galega, crítico literario, tradutor e ensaísta. Arestora é responsábel, entre outras cousas, da colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia. En 2004 recibiu o premio á cooperación editorial instituído por esta editorial polo seu labor como crítico literario.
O galardón da AELG constitúe un novo pulo ao seu importante labor a prol da promoción das nosas letras a través das novas canles de comunicación. A asociación, na entrega dos seus galardóns anuais celebrada este sábado na Coruña, tamén premiou a Ramón Nicolás, na categoría de ensaio, pola súa obra Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (Xerais). Asemade, recoñecéronse as seguintes obras:
Literatura Infanto-xuvenil
O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
Xornalismo Cultural
Ana Romaní
Narrativa
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
Poesía
EX-AEQUO
Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Factoría K de libros)
Teatro
Banqueiros, de VV. AA. -Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
Tradución
Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
· O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concedeu nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
· O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano foi para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
· E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
· No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

PUBLICIDADE