O comunicador Pablo Simón achega unha xornada sobre fake news este xoves en Lugo

luns, 22 de abril do 2024 S. P.

O centro municipal de información europea Europe Direct Lugo organiza este xoves 25 de abril, no auditorio do Vello Cárcere da cidade da Muralla, unha xornada sobre desinformación e fake news, coa participación do politólogo e investigador Pablo Simón, analista habitual en medios de comunicación como La Sexta, TVE ou Cadena SER.
A xornada, que será aberta ao público e con acceso libre ata completar aforo, estará dirixida a estudantes e profesorado, especialmente dos centros de ensino da rede de Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo (EPAS) e, en xeral, á comunidade universitaria do Campus Terra (USC).
No evento, que dará comezo ás 9:30 horas, tamén participarán de forma telemática María Campo, membro do equipo de comunicación da Representación da Comisión Europea en España; e Teresa Coutinho, responsable de educación e mocidade na Oficina do Parlamento Europeo en España. Sobre as 10:30 horas dará comezo a conferencia presencial de Pablo Simón, quen responderá as cuestións e inquietudes que acheguen as persoas asistentes.
O obxectivo desta xornada, baixo o título Europa responde: desinformación e fake news, será combater os falsos mitos e a desinformación ao redor da UE, ao mesmo tempo que se proporciona información sobre as institucións europeas, as políticas e as prioridades de actuación da Unión, así como as oportunidades da UE para os mozos e mozas.
O edil de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, convidou a toda a cidadanía interesada a asistir e, especialmente, á mocidade lucense, “para coñecer máis sobre o funcionamento da Unión Europea, as oportunidades de mobilidade e formación que ofrece ao alumnado, así como obter ferramentas para facer fronte á desinformación e ás noticias falsas, un fenómeno en auxe nas redes, especialmente en épocas electorais”.
Pablo Simón é profesor titular de ciencia política no Departamento de Ciencias Sociais da Universidade Carlos III de Madrid. É doutor en ciencias políticas e sociais pola Universitat Pompeu Fabra e foi investigador postdoutoral na Université Libre de Bruxelles.
Os seus principais eidos de investigación son a política comparada, os sistemas electorais e de partidos, o comportamento electoral, a participación política da mocidade ou a descentralización política e fiscal.

PUBLICIDADE