Oppo amosa as súas cámaras frontais agochadas na pantalla do móbil

xoves, 27 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses puidemos ver como moitos smartphones adoptaron tecnoloxías de identificación de pegadas dixitais que podía integrarse na propia pantalla, facilitando a creación de teléfonos todo pantalla que para a integración da cámara frontal adoptaron diferentes camiños como a súa integración nunha pestana superior, o uso de pantallas perforadas e incluso o emprego de cámaras retráctiles, pero agora hai varios fabricantes que perseguen unha solución máis elegante, e que xa parece lista para chegar ao mercado: o uso de cámaras frontais agochadas baixo a pantalla.
Dende Oppo xa están a amosar a súa cámara baixo a pantalla (USC) no Mobile World Congress de Shanghai, e dende Xiaomi tamén aseguran ter unha solución semellante, polo que en poucos meses veremos no mercado varios smartphones practicamente sen marcos frontais.
Para poder conseguir este grande logro foi preciso empregar un material transparente personalizado para a pantalla, e redeseñar a estrutura dos píxeles para que a luz poida chegar até o sensor da cámara, que será máis grande que o doutras cámaras frontais, o que, sumado a melloras de software, pretende compensar a perda de calidade na imaxe que supón introducir unha pantalla diante dunha cámara. Dende Oppo aseguran que conseguiron que as súas cámaras frontais quedasen ao mesmo nivel que as principais cámaras frontais do mercado, e aínda que non hai previsión sobre cando chegará esta tecnoloxía ao mercado, dá a impresión de que pode converterse na tendencia que impere no futuro, xa que permite avanzar nun deseño minimalista que ameaza prescindir en breve tamén de botóns físicos, polo que os smartphones continúan a avanzar para converterse simplemente en pantallas táctiles que suxeitar nas mans.

PUBLICIDADE