Pontevedra e Cambados acollen estes días oito obradoiros de SmartPEME

xoves, 18 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra está a informar estes días da vindeira actividade da rede SmartPEME, unha liña de acción para este arranque de 2018 que vén acompañada dun especial significado: pola nova andaina prevista da man da empresa KPMG, pola incorporación do Viveiro de Empresas do Concello da Estrada e, tamén, polos resultados de participación obtidos en 2017 que pasan por ser os mellores da historia de SmartPEME. Volvendo á actividade deste comezo de ano, a Deputación deu a coñecer o seu programa de obradoiros tecnolóxico-dixitais para as sedes de Cambados (con catro obradoiros) e de Pontevedra (outros catro).
Respecto de Cambados, o Centro Exposalnés acolleu este mércores o obradoiro Crea os teus propios informes: Google Data Studio e seguirá o luns 22 co curso Rendibiliza o teu perfil profesional en Facebook. Esa mesma semana, o xoves 25 de xaneiro, Cambados acollerá o obradoiro Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? Por último, o martes 30 de xaneiro, celebrarase o curso Como facturar electrónica mente.
A oficina de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades comezan ás 19 horas.
Respecto de Pontevedra, este 18 de xaneiro, ás 19.00 horas celébrase o curso Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura?. A seguinte cita terá lugar o luns 22 de xaneiro, tamén ás 19 horas, cando impartirase a actividade formativa Comercio electrónico para microPEME. Pola súa banda, o mércores 24 de xaneiro, a mesma hora, Pontevedra acollerá o curso Guía de boas prácticas para redes sociais. Por último, o luns 29 de xaneiro organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A oficina de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE