Quantis quere mellorar con satélite a cobertura dos polígonos galegos

xoves, 24 de decembro do 2015 Redacción

Aquilino Antuña, director xeral de Quantis, nunha imaxe de JM Cadenas

A operadora Quantis, centrada en comunicacións por satélite, segue ampliando a súa oferta de servizos e solucións para a nosa terra. Se recentemente falamos dende Código Cero da súa oferta de telefonía fixa sen cota mensual de mantemento, agora a compañía amósanos unha solución “moi acaida”, nas súas palabras, “para emendar os problemas de conectividade de milleiros de empresas situadas en polígonos industriais galegos que teñen un acceso a Internet, por cable ou móbil, de baixa calidade”.
A oferta abrangue “un amplo abano de produtos e servizos, axeitados para cada necesidade específica, que inclúe telefonía fixa IP e conexión back-up destinada a asegurar a continuidade do negocio”, sinalan fontes de Quantis. Segundo engade a compañía, arestora cóntanse por miles as pequenas industrias que teñen conexión a Internet, a través de operadores convencionais de cable ou 3/4G nunhas condicións mellorábeis.
Segundo lembra Aquilino Antuña, director xeral de Quantis, nunha chea destes emprazamentos industriais é habitual atopar zonas de sombra onde a cobertura móbil simplemente non chega. A campaña de Quantis baséase no lema Ningunha industria sen Internet. A respecto do devandito o director xeral da compañía recórdanos que é moi frecuente que pensemos que os problemas conexión dánse só en contornas rurais ou en lugares cunha xeografía complicada, “pero non é así, xa que hai moitos polígonos industriais onde a conexión por cable non ofrece largura de banda aceptábel”. Ademais, di, “as redes móbiles de datos cada día están máis saturadas e non ofrecen os niveis de servizo garantido que reclama unha actividade empresarial e industrial”.
Quantis, neste senso, lembra que fornece servizos e solucións por satélite que, en boa maneira, son quen de chegar a onde non chegan as tecnoloxías que máis se están a estender a día de hoxe.

PUBLICIDADE