RedEmprendia integra no seu seo a tecnoloxía galega Linguakit

xoves, 11 de decembro do 2014 Redacción

O equipo de Cilenis

A plataforma Linguakit, da que falamos recentemente en Código Cero salientando que se trata dun innovador portal multilingüe de análise textual (en galego, castelán, inglés e portugués), vén de ser incorporada pola rede universitaria iberoamericana RedEmprendia, que xa a ten integrada na web de seu. Como lembraremos, Linguakit é unha tecnoloxía desenvolvida pola empresa galega Cilenis (spin-off da Universidade de Santiago) que acubilla un conxunto de ferramentas lingüísticas deseñadas para axudar a estudantes, investigadores, docentes, profesionais e emprendedores a mellorar a súa escritura, analizar a lingua, e a extraer información relevante de calquera texto.
Linguakit, como recordaremos, permite usar de maneira rápida, cómoda e sinxela un conxunto de ferramentas (tradutor, conxugador, corrector ortográfico e gramatical, analizador sintáctico, extractor de palabras crave, analizador do sentimento que expresa o enunciado) que en palabras dos responsábeis de RedEmprendia converten a plataforma de Cilenis “nun dos recursos lingüísticos online máis completos que existen”. Asemade, salienta por acugular funcións de especial utilidade para os emprendedores e para a actividade empresarial en termos xerais. De feito, as empresas poden empregar a análise de texto que lles facilita Linguakit para estudar a súa reputación en liña ou construír mensaxes positivas de seu e estratexias de mercadotecnia.
Coa integración de Linguakit, RedEmprendia quere ampliar a súa oferta de servizos para emprendedores, que inclúen recursos de formación, publicacións especializadas, un foro virtual para o intercambio de experiencias e boas prácticas e acceso preferente a programas de aceleración e financiamento.
Para probar Linguakit hai que rexistrarse de balde na web de RedEmprendia, o que achega un total de 100 consultas mensuais. O portal dispón tamén de diferentes plans de baixo custo adaptados ás necesidades de cada usuario. Ademais, para aquelas empresas ou organizacións que requiran procesar un gran volume de datos, Cilenis creou Linguakit API, un servizo de Big Data Análise que automatiza o uso de Linguakit.

PUBLICIDADE