Remata a rodaxe de Rapa, que chegará á plataforma Movistar+ na vindeira primavera

martes, 21 de decembro do 2021 S. P.

A plataforma de contidos dixitais Movistar+ e a produtora galega Portocabo informaron do remate da rodaxe da serie de suspense Rapa, da man do mesmo equipo creativo de Hierro, a serie máis vista de 2021 no servizo de contidos da operadora Movistar. O remate do traballo veu acompañado dun acto en Ferrol, no Teatro Jofre, no que participou o equipo de filmación deste thriller que ten prevista a súa estrea na primavera de 2022. No acto fixo acto de presenza o director da axencia autonómica AGADIC Jacobo Sutil.

Rodaxe na Capelada

A nova produción, rodada en parte nos cumios e cantís da Capelada (Cedeira), estrearase como dixemos en 2022. Con media ducia de episodios, vén da man de Pepe Coira e Fran Araújo (creadores), e está dirixida por Jorge Coira, contando con Javier Cámara e Mónica López como protagonistas.
O pano de fondo é a tradicional Rapa das Bestas de Cedeira, o primeiro domingo do mes de xuño no Curro da Capelada, o único día do ano en que os cabalos que corren ceibos polas alturas da serra deixan ser libres. No marco da celebración dunha tradición que “sintetiza o belo e o salvaxe”, é asasinada Amparo Seoane, alcaldesa da localidade. Resolver o crime é o obxectivo común de Tomás, mestre local, e Maite, un sarxento da garda civil. E converterase en algo máis: unha boa razón para vivir.
A rodaxe fíxose integramente en Galicia, nas localidades de Cedeira e Ferrol.
Únense a Javier Cámara e Mónica López, os actores Lucía Veiga, Eva Fernández, Toni Salgado, Ricardo Barreiro, Berta Ojea, Jorge Bosch, Santi Prego, Paula Morado, Adrián Ríos, Iria Sobrado, Tito Asorey, Mabel Rivera, Víctor Mosqueira, Nacho Castaño e Lara Boedo.

Hub Audiovisual da Industria

Rapa é a primeira proposta realizada ao abeiro do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes, no marco do que a produtora galega resultou adxudicataria dunha axuda de 300.000 euros. Con esta medida específica do Hub, o Goberno galego ofrece unha nova inxección económica ás empresas galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia, ben en calidade de co-produtoras, ben como provedoras de servizos. Un dos principais requisitos consiste na realización dun investimento mínimo en Galicia −1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción−, que no caso da subvención a Rapa implica un gasto superior aos 3M€ a raíz da súa rodaxe na nosa Comunidade.

PUBLICIDADE