SmartPEME pecha o ano con cinco novos obradoiros en liña

luns, 19 de decembro do 2022 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo provincial de formación tecnolóxica SmartPEME, oferta as cinco últimas formacións do ano, antes da pausa do Nadal. Estas formacións, enmarcadas na carteira de obradoiros de SmartPEME, estarán impartidas de xeito online. Tratarán temas de estratexia SEO e SEM, de suplantación de identidades (phising), de redes sociais para establecementos turísticos, de uso de Google Data Studio e de creación dun Linktree con Canva.
Este luns 19 de decembro haberá dous obradoiros. Pola mañá, a temática versará sobre ciberseguridade co experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire. O obxectivo do obradoiro Ciberseguiridade, o phishing é dar a coñecer a ameaza da suplantación de identidades que é a forma máis sinxela de ciberataque e, ao mesmo tempo, a máis perigosa e efectiva.
Na quenda de tarde, a graduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera explicará como traballar correctamente as estratexias de posicionamento e visualización (SEO e o SEM). No taller A prende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM ensinarase a buscar as palabras clave axeitadas para garantir un oco no mercado online e xerar o maior número de vendas posíbeis.
O martes 20 impartiranse outras dúas novas formacións. Pola mañá a graduada en Turismo, Patricia Cabaleiro, encargarase da formación Redes sociais para establecementos turísticos sobre as vantaxes e inconvenientes de usar as redes sociais como estratexia para captar clientes e como e cando se debe usar cada unha delas segundo o público obxectivo.
Pola tarde será a quenda da licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller, que dirixirá un obradoiro para pemes e autónomos, Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio no que tratará de mostrar o uso de Google Data Studio, onde se poden unificar e conectar os datos obtidos nas distintas ferramentas de Google e outras plataformas e formatos externas para elaborar informes globais dunha empresa.
Finalmente o curso do mércores 21, Crea o teu Linktree con Canva, pechará o ciclo de obradoiros do 2022. Esta formación estará impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Os Linktrees, avanza a formadora, son unha boa ferramenta para dar a coñecer moitos ámbitos dun negocio dixital e con Canva pódense personalizar seguindo a identidade de marca.

PUBLICIDADE