Sony presenta as tarxetas SD máis rápidas do mercado

xoves, 23 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a principal carreira nas tarxetas de memoria era polo incremento da súa capacidade, as fotografías en formato RAW e o vídeo en ultra alta definición converten a súa velocidade en elementos críticos, de aí que resulten moi interesantes as novas tarxetas SD de Sony, da serie SF-G, que con capacidades de 32, 64 e 128 GB presumen de velocidades de lectura de 300 MB por segundo e de escritura de 299 MB por segundo, o que resulta especialmente atractivo para os fotógrafos que queren realizar disparos continuos a alta resolución.
A velocidade de lectura de 300 MB por segundo tamén resulta moi práctica á hora de transferir vídeos 4K ou imaxes en alta resolución ao ordenador, resultando de agradecer este aforro de tempo no caso de profesionais que teñen que entregar o material capturado o antes posible. Cómpre lembrar que para tirar proveito das elevadas velocidades desta tarxeta temos que contar con cámaras e equipos compatibles coa interface UHS-II.
Estas tarxetas de memoria, das que aínda non se coñece o prezo de venda ao público (sairán á venda o mes que vén), tamén gozan dunha grande resistencia, sendo capaces de resistir auga, temperaturas extremas, golpes e raios X.

PUBLICIDADE