Sony presenta o Blu-ray en España

xoves, 14 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Sony presentou en España o formato de discos de alta definición Blu-ray, que é o que incorpora a súa nova consola PS3, e que conta con moito apoio por parte de empresas de electrónica e de produción de contidos, aínda que deberá loitar no mercado cun formato alternativo: o HD DVD.
Aparte do desembarco deste novo formato no mercado español coa PS3, Sony tamén achegará reprodutores domésticos entre os meses de marzo e abril de 2007.
O fabricante nipón agarda repetir o éxito acadado coa PS2 e o DVD, de xeito que a súa nova consola sexa a punta de lanza do Blu-ray a nivel doméstico, aínda que a dificultade engadida de non ser o único formato no mercado (o que fai lembrar cómo rematou o Betamax) e o feito de os televisores de alta definición teñan unha presenza moi limitada nos fogares fan que o futuro dos novos formatos non estea moi claro.

Dous formatos

Parece que a guerra da alta definición non será unha cuestión técnica, posto que o Blu-ray é superior ó HD DVD tanto en capacidade (25 Gb por capa fronte a 15 Gb por capa) como en velocidade de transferencia e resistencia dos seus discos (que aturan mellor os rascóns), senón que será a comercialización dos distintos sistemas a que marcará o futuro, posto que a oferta de títulos cinematográficos para os novos formatos, así como as súas políticas de prezos, poderían afectar moito máis ó seu éxito moi máis que as súas prestacións obxectivas.

PUBLICIDADE