Sony presenta oficialmente a PS3 Slim

martes, 18 de agosto do 2009 Marcus Fernández

A GamesCom estréase en Colonia (Alemaña), cidade que toma o relevo de Leipzig coma referente europeo dos videoxogos, e o evento comezou con moita forza, xa que o foi elixido por Sony para presentar unha serie de novidades que eran un segredo a gritos.
Esta tarde, presentaron avances de distintos xogos, pero todos agardaban o anuncio oficial da rebaixa da PlayStation 3 e a presentación dunha versión máis delgada da consola doméstica de Sony, e a compañía dirixida por Kaz Hirai non decepcionou, de xeito que partires de mañá o prezo de 299 euros da PS3 será oficial (aínda que leva días presente en moitas tendas españolas e incluso en grandes superficies), mentres que haberá que agardar aos primeiros días de setembro para poder adquirir polo mesmo prezo a PlayStation 3 Slim, modelo da consola que reduce o seu volume un 32%, o seu consumo un 34% e o seu peso un 36%, contando de serie cun disco duro de 120 Gb, lector de Blu-ray, 2 portos USB, Wi-Fi, Bluetooth e HDMI. Concretamente medirá 29 x 6,5 x 29 centímetros e pesará aproximadamente 3,2 quilos.
Coñecendo esta información entendemos que a PS3 actual podería ofertarse puntualmente incluso a menos de 299 euros, pois non tería moito sentido que un consumidor decidise pagar 299 euros por unha consola grande, pesada e cun disco duro de 80 Gb se con agardar un par de semanas pode conseguir un modelo claramente superior polo mesmo prezo.


Presentación da nova PS3 Slim

Revolución nos contidos

Co lanzamento da PS3 Slim tamén chegará unha importante actualización da PlayStation Network, que achegará o reprodutor BBC iPlayer aos usuarios británicos da PS3, a programación da ABC aos australianos e a programación de RTVE, Antena 3 e La Sexta aos españois, aínda que sen dar moitos detalles desta nova oferta audiovisual.
Na mesma liña traerán a Europa o servizo de entrega de vídeo a través da PSN que leva un ano funcionando nos EE.UU. e que permite a compra e alugar en definición estándar e alta definición de vídeos, estreándose este novo servizo audiovisual en Reino Unido, Francia, Alemaña e España en novembro, soportando tanto a PS3 como a PSP.

Novo firmware da PS3

Sony tamén deu a coñecer o que será a versión 3.0 do firmware da PlayStation 3, que incorpora cambios cosméticos na Xross Media Bar (XMB), conta cun novo formato de listaxes de amigos, un atallo para a PlayStation Store, maior personalización con temas dinámicos e avatares, nova barra de estado e xestión de trofeos optimizada.


Características do firmware 3.0 da PS3
A PSP no segundo semestre do ano

A consola portátil de Sony tampouco estará quieta, e presentará nos vindeiros meses diversas novidades, orientadas principalmente aos contidos descargables. Hai pouco máis dun mes falábamos de que a PSP Go permitiría a descarga de manga, pero agora confirman que será posible acceder a centos de comics da Marvel cando lancen este servizo en novembro (lembremos que Marvel Comics xa conta cunha tenda de comics para PC e adaptou varios títulos para vendelos coma vídeos a través de iTunes). É de agardar así que as aventuras de Spider-Man, X-Men, Hulk, Iron Man e outros superheroes poidan seguirse comodamente a través da PSP ou da PSP Go.
Pero esta non será a única novidade para a PSP Go, senón que tamén presentaron o que serán os xogos Minis, que serán títulos descargables que pretenden imitar o éxito do iPhone cun tamaño reducido (ata 100 Mb), un prezo atractivo (menos de 10 euros, aínda que podería chegar algún título a só 1 ou 2 euros) e que estrearíanse o 1 de outubro con 15 títulos, chegando ata os 50 antes de rematar o ano.
Tamén anunciaron versión da PSP Go en novas cores (verde turquesa, rosa e lila), un paquete da consola co xogo de Hannah Montana e unha oferta coa que os usuarios que rexistren a súa PSP Go entre os días 1 e 10 de outubro recibirán de balde unha copia dixital de Gran Turismo para PSP.

PUBLICIDADE