TEDxGaliciaLive achega á nosa terra as conferencias TED en directo

luns, 11 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Tras o grande éxito acadado pola segunda edición do TEDxGalicia, a organización do evento continúa a súa actividade, e para o vindeiro 27 de xuño ten programado un evento coñecido como TEDxGaliciaLive, que é unha extensión do programa TEDx que celebra presencialmente os webcasts en directo das conferencias TED.
Esta primeira edición do TEDxGaliciaLive terá lugar na CITEXVI grazas á colaboración de Gradiant, e recollerá as retransmisións en vivo do TEDGlobal 2012 que terá lugar entre os días 25 e 29 en Edimburgo. Para poder participar no TEDXGaliciaLive é preciso preinscribirse (por limitacións de aforo) e agardar a confirmación de praza. Tamén cómpre ter en conta que ao estarmos ante eventos en directo, os mesmos estarán en inglés.
A conferencia TED do día 27 dividirase en catro sesións nas que participarán oradores do máis variado como a pianista de 25 anos Natasha Paremski, o político e activista de datos Malte Spitz, a antropóloga dixital Gabriella Coleman, a xornalista chinesa Leslie T. Chang, o artista Neil Harbisson ou o experto en efectos visuais Robert Legato (detrás de películas como La invención de Hugo, Avatar, Armageddon e Titanic entre moitas outras).

Lucianne Walkowicz na pasada edición do TEDGlobal en Edimburgo

PUBLICIDADE