Un equipo do CITIC bate un récord mundial en procesamento da linguaxe natural

luns, 3 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A nosa mocidade tecnóloga segue a deixar pegada no panorama internacional de achados tecnolóxico-científicos e de descubrimentos revolucionarios no camiño cara a mellor interacción posíbel entre os seres humanos e as máquinas. Nesta liña sitúase o equipo de investigadoras e investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña que vén de bater o récord mundial de precisión e velocidade de procesamento dun analizador sintáctico.
Trátase do Grupo de Lingua e Sociedade da Información (LYS), especializado en Procesamento da Linguaxe Natural e dirixido polo investigador Starting Grant Carlos Gómez Rodríguez e integrado por Daniel Fernández, Michalina Strzyz e David Vilares.
A orixe do seu labor está na necesidade de optimizar a ampliar a práctica da análise sintáctica, que é o proceso que realiza un programa de ordenador para entender a linguaxe humana, un paso necesario e fundamental para o despegue dos sistemas de Intelixencia Artificial que comprenden texto. Máis polo miúdo, o obxectivo do grupo foi conseguir programas analizadores sintácticos precisos e rápidos, que levasen ao máis lonxe a súa capacidade para atopar relacións de palabras en informacións xornalísticas. Neste punto, o sistema dos investigadores do CITIC conseguiu unha cifra do 94,43 %, superando o récord anterior de 94,21 %.
No que se refire ao parámetro velocidade, o analizador procesou máis de 700 oracións por segundo, fronte ás 400 acadadas polo sistema máis rápido que existía previamente.
O grupo presentará os resultados do seu traballo no congreso norteamericano da Asociación de Lingüística Computacional, que se celebra ata o 7 de xuño en Minneapolis e é un referente mundial neste ámbito.

PUBLICIDADE