Vodafone alíase con Digital+ para ofrecer un paquete de telefonía+ADSL+TV

luns, 17 de novembro do 2008 Raquel Noya

Seguindo os pasos de Sogecable e Yacom, que xa no pasado mes de maio chegaron a un acordo polo cal comercializar Yacom+ (un paquete que inclúe unha conexión de ADSL a 10 Mbps máis servizos de Digital+ ), agora aparece no mercado a unión de Digital+ con Vodafone, que asinaron un acordo para ofrecer (dende hoxe) unha oferta conxunta de ADSL e TV, con importantes vantaxes para os clientes de ambas compañías.
Mediante a unión das dúas firmas, os usuarios de Vodafone ADSL poderán acceder a calquera paquete e módulo de Digital+ de balde durante un período máximo de ata 3 meses así como de ata 2 meses de Abono Fútbol+. Por outra banda, os novos clientes accederán a Digital+ sen incorrer en custes adicionais e terán un 15 por cento de desconto durante medio ano ao contratar a oferta Vodafone ADSL.
Asemade, ao contratar calquera das ofertas da operadora, os clientes de Vodafone poderán, segundo asegurou o director xeral da Unidade de Negocio de Particulares de Vodafone España, “gozar dun paquete completo co que ver cubertas tódalas súas necesidades de comunicación, información e ocio”.
Esta oferta comercializarase baixo a denominación Vodafone ADSL & Digital+ e os interesados poderán contratalo a través de Vodafone no teléfono 1444 ou na páxina web oficial.
Tamén se poden dirixir aos responsables de Digital+ ou chamando ao 902 44 70 47.

PUBLICIDADE