Toshiba confirma o abandono do formato HD DVD

martes, 19 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

O presidente de Toshiba anunciando o cese da produción de HD DVD

Como se viña comentando nos últimos días, finalmente se confirma a morte do formato HD DVD trala perda da confianza por parte dos grandes estudos cinematográficos e das canles de venda e distribución, polo que o Blu-ray de Sony será o único disco de alta definición que permanecerá no mercado.
O presidente de Toshiba, Atsutoshi Nishida, confirmou en rolda de prensa que o vindeiro mes cesarán a produción de reprodutores e gravadores de HD DVD, de xeito que a empresa impulsora do formato poría o último cravo no ataúde dun soporte que dende un primeiro momento xa tiña problemas para imporse sobre o de Sony pola súa inferioridade técnica.
Nishida asegurou que o abandono do HD DVD pretende rematar coa guerra de formatos para «axudar ó mercado a desenvolverse» pois a oferta actual confundía ós consumidores, que non se decidían ante o medo de apostar por un soporte que quedaría obsoleto en poucos meses (repetindo o que pasou co Betamax).
Toshiba vendeu uns 730.000 reprodutores e gravadores de HD DVD dende marzo de 2006 (dos que boa parte eran para a consola Xbox 360 de Microsoft), polo que se pode afirmar que hai moitos consumidores prexudicados polo abandono deste formato, xa que a se estima que nos vindeiros meses se deixen de comercializar películas para este soporte, que xa non era moi dinámica. En España só se comercializaron 126 títulos en HD DVD fronte a uns 254 para Blu-ray, polo que a guerra xa parecía rematada antes de que Toshiba amosase a bandeira branca.
Na rolda de prensa Nishida admitiu que a finais do ano pasado a saúde do HD DVD aínda era boa, pero foi o sorprendente abandono da Warner do seu formato o supuxo un duro golpe para o mesmo. Tamén comentou que ata o momento non teñen plans para adoptar o formato Blu-ray.

PUBLICIDADE