Virgin volve á carga contra os usuarios de P2P: ou desisten ou haberá demandas

mércores, 11 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Unha curiosa pintada vista nunha web dende a que se defende o emprego libre das canles feitas para compartir ficheiros.

Arredor das redes P2P (esas portas abertas nos nosos computadores a través das que compartimos todo tipo de ficheiros) semella haber só opinións encontradas. Se hai uns días fixemos mención de Gilberto Gil e o seu chamamento a apoiar o emprego a todos os niveis das devanditas ferramentas, agora damos conta dunha postura notoriamente contraria, a de Virgin Media (a meirande ISP do Reino Unido) que, coa axuda da BPI (a British Phonographic Industry), vén de facer algo máis que ollar con xenreira a todos aqueles internautas que fagan descargas a través das ditas canles ou de file-sharing (que vén a ser o mesmo: compartir ficheiros).
En realidade, o de Virgin é en toda regra unha rechamada de atención (logo de iniciativas das que falamos hai meses) ou, mellor dito, unha ameaza ben concreta lanzada a uns usuarios ben concretos: ou deixan de facer “descargas ilegais” (denominadas así pola compañía) ou curtaralles o servizo e, no caso de o “delito” sexa especialmente fragrante, iniciar demandas xudiciais.
A pregunta que nos podemos facer é: ten Virgin armas abondo como para saber quen usa e quen non as ditas redes? Segundo Barrapunto e o xornal The Independent, semella que a ameaza tería algo no que asentarse, xa que se ten constatado que a dita compañía controla e supervisa a información que procesa. Deste xeito, a manobra de disuasión xeralizada é máis que inminente: comezará co envío de correos electrónicos aos 6,5 millóns de usuarios identificados que usan redes abertas tipo Soulseek, Bittorrent ou eMule e logo, dez semanas despois, nos casos nos que non se obteña un cambio de rumbo do comportamento, comezará a quenda das actividades máis “drásticas”.

PUBLICIDADE