Bicing, o servizo de bicicletas catalán, será patrocinado por Vodafone

venres, 21 de marzo do 2014 Redacción

Será a partir do vindeiro 1 de abril cando Vodafone pase a ser o patrocinador exclusivo de Bicing, un sistema de bicicleta compartida que existe en Barcelona dende 2007, achegando arestora servizo a case 100.000 abonados, contando con 420 estacións espalladas por toda Barcelona e cun parque de 6.000 bicicletas que conectan calquera punto da cidade. Indo ao miolo da nova, o acordo durará 3 anos e nel confírmase a colaboración da compañía de telecomunicacións co Ajuntament de Barcelona no desenvolvemento de aplicacións para móbil que melloren a experiencia do servizo por parte dos cidadáns.
O pacto -asinado por Barcelona de Serveis Municipals, Vodafone e Clear Channel (empresa adxudicataria de servizo de bicicletas compartidas)- establece que Bicing se pase a chamar "Vodafone Bicing". Deste xeito, Bicing comprométese a inserir a marca e o logo de Vodafone nos diversos espazos dispoñíbeis do servizo. A marca terá presenza nos gardalamas das bicicletas e nas estacións, tanto na propia estrutura da estación coma na pantalla de interacción co abonado, así como tamén aos vehículos e a vestimenta do persoal de mantemento e reposición. Vodafone tamén estará presente nas canles de internet de Bicing (web e redes sociais), onde ambas as marcas colaborarán a través de accións compartidas. Amais, tamén se modificará a imaxe da aplicación oficial de Bicing para teléfonos intelixentes para que Vodafone apareza nela e os cartóns de abonado redeseñaranse, incluíndose a imaxe do patrocinador.
Con este acordo exprésase a vontade de todas as partes de contribuír a facer máis habitábel o espazo urbano. Bicing achegará os servizos avanzados de telefonía móbil. Pola súa banda, Vodafone desenvolverá e introducirá solucións tecnolóxicas que acheguen un meirande valor engadido ao servizo. Como exemplo, trabállase en tecnoloxía NFC -a través de Vodafone Wallet- para activar o servizo ou desanclar a bicicleta. Tamén se traballa para enriquecer a App de Bicing con novas funcionalidades, como ofrecer información relativa ao servizo: distancia percorrida, velocidade media, CO2 aforrado... Vodafone tamén se compromete a emprestar o servizo de telecomunicacións asociado á liña de telefonía do Bicing 900.31.55.31, encamiñada á atención gratuíta aos abonados.
Vodafone achegará a cantidade de 1.200.000 euros durante o primeiro ano de contrato como contraprestación pola cesión en exclusiva dos espazos de Bicing. En total, durante os tres anos de duración do contrato, Vodafone achegará ao servizo máis de 4 millóns de euros.

PUBLICIDADE