As tendas sen caixas de cobro de Amazon reformulan a súa tecnoloxía

mércores, 3 de abril do 2024 Marcus Fernández

Cando Amazon presentou a súa solución de tendas sen caixas rexistradoras, Amazon Go, deixaron claro que estaban a desenvolver unha tecnoloxía que ofrecerían a terceiros, e co tempo foron aparecendo establecementos propios e alleos que ofrecían a posibilidade de entrar na tenda, coller o que queres e marchar directamente, no que deron en chamar Just Walk Out, e que actualmente estaría a retirarse para verse substituída por unha solución baseada en carros da compra conectados, xa que a solución baseada en cámaras e sensores resultou ser pouco eficiente.
A tecnoloxía de Just Walk Out pretendía estar baseada en sistemas de recoñecemento de imaxe capaces de identificar o que os compradores collían dos estantes da tenda para logo cobrarllo directamente na súa conta de Amazon (pois podía identificarse directamente co seu móbil) pero resulta que esta solución era menos automática do que podía pensarse, e resultaba ter un milleiro de traballadores contratados na India para revisar as imaxes captadas polas cámaras.
Inicialmente pretendían que a revisión humana fose necesaria en menos da petade das compras nas tendas sen persoal, pero na práctica máis do 70% das compras precisaban de revisión humana, facendo esta tecnoloxía inviable.
A solución que promoverá agora Amazon é o uso de Dash Cart, unha tecnoloxía de carros da compra que basicamente serían caixas de pagamento automático cun cesto para a compra e rodas, de xeito que o usuario ten un grande control sobre a súa compra, mentres que o establecemento pode evitar contar con persoal para o cobro (que se realiza directamente a través do móbil, co que pode establecerse comunicación a través dun código QR).

PUBLICIDADE