Convocan o concurso Startup 2.0, encamiñado a premiar á mellor web 2.0 de Europa

mércores, 11 de abril do 2007 Raquel Noya

Co fin de fomentar a aparición de novas empresas innovadoras e consolidar o crecemento san das mesmas, as entidades Alianzo, SPRI e La Caixa veñen de convocar o concurso Startup 2.0, encamiñado a premiar ós mellores emprendedores da Web 2.0. No certame, de ámbito europeo, poderán participar aquelas institucións e particulares que teñan desenvolvido os sitios web con blogs, redes sociais, wikis, etiquetas ou RSS. Trátase das ferramentas a cotío empregadas polas páxinas de nova xeración, denominadas por ende 2.0, ó empregar o argot informático que se usan para as segundas versións dos programas.
Este certame ten catro fases claramente definidas. Na primeira delas, os aspirantes ó premio poden presentar as súas webs a concurso até o vindeiro 5 de maio. Seguidamente, os internautas votarán polas candidatas máis orixinais ou que lles suxiran máis calidade, a fin de escoller un total de 15 proxectos finais. Destes 15 sitios, un xurado internacional decidirá cales son os 5 mellores proxectos e, para rematar, na gran final, que se celebrará o 24 de maio en Bilbao, a gañadora será nomeada como Mellor Web 2.0 europea do ano.
O devandito xurado está formado por 10 expertos de outros tantos países europeos, entre os que se atopan emprendedores e investidores de éxito no eido de Internet e recoñecidos blogueiros líderes neste ámbito. Os premios consisten nunha viaxe a Cambridge para asistir a un concurso de emprendedores innovadores, publicidade durante dúas semanas na revista Techcrunch, a máis importante sobre a Web 2.0, exposición pública do proxecto no e-Business Global Forum e material técnico de calidade.

PUBLICIDADE