O novo Samsung Galaxy Note presentarase o 7 de agosto

martes, 2 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Aínda que a data de lanzamento do Samsung Galaxy Fold é aínda un misterio, iso non detén o calendario de lanzamentos do fabricante surcoreano, que xa quece motores para o seu novo móbil insignia, e fixa no 7 de agosto o evento Samsung Galaxy Unpacked que terá lugar en New York e poderase seguir por streaming dende todo o mundo. Servirá para «presentar novos dispositivos deseñados para levar a conectividade do ecosistema Galaxy a un novo nivel».
O principal produto a presentar sería o Samsung Galaxy Note10, que de cumprirse os rumores, adoptaría un deseño na liña do Samsung Galaxy S10+ (aínda que coas cámaras en posicións diferentes), melloraría a súa autonomía e, por primeira vez nesta liña de teléfonos, chegaría en dúas versións con dous tamaños de pantalla diferentes.
En vistas das últimas declaracións de directivos de Samsung, é de esperar que no evento tamén dean conta de novos dispositivos conectados de Samsung, de aí que non sorprendería que puxesen o acento nos wearables e no 5G como un xeito de tomar posicións de cara ao futuro.

PUBLICIDADE