R mira cara o futuro con optimismo

xoves, 14 de abril do 2011 Raquel Noya

O conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, foi o protagonista da segunda xornada do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección Empresarial que se celebrou onte na Universidade de Vigo, onde lles mostrou aos futuros empresarios e economistas galegos alí presentes, os froitos da estratexia baseada na innovación que a compañía de telecomunicacións levou a cabo para estar onde está agora.
No Diario da Universidade de Vigo (DUVI), podemos ler que na súa intervención, entre outras cousas, Dopico afirmou que “no horizonte de R non hai máis que fibra óptica”; ao que engadiu que, “é o futuro inevitable e polo que apostamos firmemente cando todo o mundo falaba de wireless”.
Cun 13,9% de crecemento medio nos últimos cinco anos, R “mira ao futuro con optimismo”, malia que, segundo Dopico, “queda moito camiño por percorrer para seguir crecendo”.
Tampouco son bos tempos para o sector das telecomunicacións, porén malia á crise, é un eido que está a a aguantar bastante ben o tipo, e no caso particular de R, “o único operador que naceu en España sen socio tecnolóxico”, vai superando ano tras ano as súas previsións de negocio.
“Foron moitos os que non creron na viabilidade deste proxecto”, explica o conselleiro delegado de R, “pero hoxe as cifras falan” e seguen a ser positivas.
No DUVI rexistran as súas verbas: “co ADSL chegando á fin do seu traxecto, agora toca investir en fibra e Europa non pode quedar atrás, a remolque dos países asiáticos”, asegura.
Dopico reafirmou a súa aposta polo cable afirmando que, “o crecente tráfico de datos no que se refire a vídeo, 3D e alta definición non é soportable para os móbiles, só o sería para a fibra óptica NGA, o móbil ten perdida esta batalla, non pode competir”, conclúe.

PUBLICIDADE