SmartPEME arranca 2023 con cinco novas accións formativas

luns, 9 de xaneiro do 2023 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana cinco novos obradoiros impartidos de xeito mixto, online e presencial, abeirados á súa carteira de obradoiros para pequenas e medianas empresas, persoas autónomas, profesionais e cidadáns en xeral. As accións tratarán temas de ciberseguridade, CRM como forma de conquistar aos clientes, mellora da produtividade con Trello, como traballar as reservas dun aloxamento en Excel ou que é a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain).
Este luns 9 de xaneiro o experto en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire, foi o encargado de impartir o curso Ciberseguridade, Ramsomware e suplantación de identidade. O obxectivo desta formación é dar a coñecer o ramsomware, en que consiste e como afecta, poñendo o foco no fenómeno crecente do roubo de identidades en liña e como facer para recoñecer e identificar as múltiples formas que adopta adaptándose ás circunstancias de cada territorio.
O martes 10 impartirase unha nova acción, CRM como aliado para conquistar ao cliente, na que se amosará como implementar o concepto de CRM (Costumer Relationship Management) na nosa filosofía de traballo de forma que podamos achegar unha experiencia personalizada a cada un dos nosos clientes potenciais e clientes. Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresarias, será quen conduza a formación.
O mércores 11 haberá dous obradoiros. Na quenda da mañá, Fatima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, conducirá o curso Mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións l. No curso ensinaranse as técnicas de produtividade e como xestionar ferramentas que permitan transformar o traballo: Trello e outras aplicacións móbiles de almacenamento, calendarización ou colaboración de tarefas. Na da tarde, ás 17.30h e de xeito presencial no Concello de Moaña, celebrarase o obradoiro Como traballar a base de clientes e reservas do teu aloxamento con Excel, no que se aprenderá a exportar e recompilar todos os datos dos clientes nun Excel e logo poder traballar sobre datos para realizar campañas e ofertas con éxito. Ás persoas interesadas en asistir deberán levar o seu computador persoal para traballar sobre os datos do seu aloxamento.
Por último, o xoves 12 pola mañá, impartirase o taller Blockchain, que é e para que serve. Será o primeiro dunha serie de catro obradoiros sobre temas de máxima actualidade, nel verase en que consiste a tecnoloxía de cadea de bloques e como grazas a ela estamos ante o que se chama o Internet do valor; unha forma de transmitir valor a través da Rede. Este curso tamén será impartido polo experto Manuel Freire.

PUBLICIDADE