Zona Franca e INCYDE impulsarán á cidade de Vigo na súa carreira aeroespacial

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

Este venres deuse a coñecer en Vigo unha boa parte dos traballos que se están a levar a cabo para que a cidade galega, no futuro, consiga levar o máis lonxe posíbel os importantes vieiros que abriron os satélites XaTcobeo ou o HumSAT-D, desenvolvidos con tecnoloxía e coñecemento local. En definitiva, que a cidade galega ten posibilidades de abondo como para ser unha potencia neste eido, e así o fixeron saber, este venres, a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo (Teresa Pedrosa) e o director xeral de INCYDE (Javier Collado), que asinaron un acordo para presentar (de xeito conxunto) a candidatura de Vigo á Axencia Europea do Espazo, co fin de acadar que a cidade sexa a primeira de España en contar cunha incubadora para a transferencia de tecnoloxía aeroespacial.
Este viveiro de empresas, que se situaría nun dos parques promovidos polo Consorcio da Zona Franca, levarase a cabo grazas ao financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER e ao financiamento da Zona Franca de Vigo. Ao abeiro do dito convenio, os dous organismos analizarán as diferentes opcións de viabilidade do proxecto, o seu deseño e especificacións técnicas, co obxectivo de fomentar a transferencia de tecnoloxía do espazo ás microPEME e ao tecido empresarial.
A primeira acción para a consecución deste viveiro será un encontro de investigadores. Máis polo miúdo, Pedrosa e Collado anunciaron que un importante panel de expertos asistirán ao congreso A transferencia de tecnoloxía do espazo, unha oportunidade para as empresas que se vai a celebrar na Zona Franca os próximos días 27 e 28 de xuño.
Para a Zona Franca e o INCYDE, Vigo ten os vimbios precisos para que se logre dar un chimpo cualitativo na aplicación das tecnoloxías punteiras nas PEME galegas e españolas. Agárdase que a posta en funcionamento desta incubadora se formalice antes de finais do ano 2015.
Volvendo ao congreso, dicir que se apoia a nivel orzamentario en programas comunitarios (como son Galileo e Copernicus) cos que a a Unión Europea quere fomentar que os cidadáns de Europa tiren partido dos servizos e aplicacións desenvolvidos pola industria aeroespacial, “o cal xerará oportunidades de mercado e contribuirá a fomentar a creación de emprego e o medre económico”, sinalaron Pedrosa e Collado.
Cómpre lembrar que a industria espacial europea representa a día de hoxe 5.400 millóns de euros ao ano e emprega unha man de obra altamente cualificada de máis de 31.000 persoas. Pedrosa engadiu que con este congreso do 27 e 28 de xuño quérese transmitir que as PEME teñen que empezar a dirixir a vista cara ao espazo como unha fonte de ideas que poden xerar valor. Nun avance do programa, anunciaron que ao evento asistirán persoeiros da Administración nacional e autonómica; autoridades, profesores e investigadores da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid e da Universidade de Vigo; investigadores do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e directivos dalgunhas empresas máis destacadas do sector aeroespacial como son EADS, ITP, CESA e SENER.

PUBLICIDADE